Desgránase o mes de agosto nesta Illa de San Simón. O verán vai avanzando paseniño, sen que podamos decatarnos do seu devagar se non fose polos reloxos e os calendarios, aínda que en realidad, aquí, no campamento non importan moito eses artefactos do mundo exterior e habitamos a nosa propia realidade, allea ó que acontece fora. Aquí somos máis de fixarnos nas mareas e nos ciclos da lúa para decatarnos de que o mes vai avanzando e que as quendas sucédense.
E é que xa estamos no cénit desta segunda quenda, día 12 de agosto. O tempo pasa tan depresa! Hoxe é o eclipse e á noite as Perseidas, lágrimas de San Xurxo que escintilean e adornan o ceo nocturno como un xogo de vagalumes que quedaron atrapadas nesa inmensidade escura que inunda e custodia os nosos soños.
E pese a esta abstracción temporal na que pode semellar que todo disólvese na similitude das quendas, en realidade acontece todo moito máis diferente do que se poida pensar. Pois ó final cada quenda é un microcosmos propio e diferente, un universo alternativo que non ten comparación: a rapazada é outra e veñen coas súas propias identidades e inquietudes, os monitores son os mesmos mais con novas vivencias, experiencias e aprendizaxes, e mesmo a illa, que poderíamos concluir que é a mesma, ela tamén cambia como cambian as follas que van caendo pouco a pouco, como cambian as correntes, os ventos e as mareas. Mesmiño o propio sol non se vai agochando polo mesmo recuncho a comezos de agosto e a finais de mes, senón que xoguetea, danza e explora novas latitudes.
Todo é idéntico de portas para fora da illa, aínda que en realidade nada é igual: todo cambia, todo muda, todo avanza, nese lento discurrir no que desgránase o mes de agosto nesta Illa de San Simón.
Mentres o verán vai avanzando paseniño, sen que podamos decatarnos de todo do seu avanzar.
Mais pronto será setembro e tocará voltar a empezar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario