domingo, 10 de junio de 2018

Coma un solpor no Atlántico

As miradas enguedelladas arrolábanse co tempo, coma un amencer misturado ca maxia do solpor das súas meniñas incandescentes. O mar abranguía a inmensidade do espacio e xogaba ás falcatruadas cas rochas da beira desprendendo xérmolos de escuma branca que levitaban ingrávidas polo ar coma pingas de salitre tildadas de amor.

O mundo fugábase cas súas mans que espertaban sentimentos ate nunca vistos nin recordados. Descubríanse como os namorados que agardaron toda unha vida pra toparse e por fin, tras tan longa espera, atinan a espirse co coidado e parsimonia dun ritual repetido durante anos e anos, como se soubesen que semellante instante habería de perpetuarse no futuro grabándose a lume lento no tacto dos seus dedos e o fulgor das súas miradas.

O Atlántico agoiraba soños de liberdade. E eles dous, tras o refuxio da area e o escollo das rochas, viñan de forxar un pacto non escrito de vida, que os vincularía por ende xamais coma ninguén lograra espertar en eles esas ansias por sentir. O mundo tremolaba no exterior, e eles eran os únicos protagonistas desa historia con aroma lusitano que comezara desde o comezo mesmo do nacemento do universo e perpetuaríase ate o final, incluso, do mundo. Coma unha constante á que aferrarse en tempos de treboada.

As miradas enguedelladas arrolábanse co tempo e o sol destilaba caleidoscopios de faíscas que xogaban ás brincadeiras cos instantes de eternidade.

E eles dous desnudábanse na calor dos seus sentimentos nesa acuarela de saudade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario